30 sept 2011

Empezamos coas recomendacións lectoras

Nenas e nenos do mundo, este é o primeiro libro que vos recomendamos este curso 2011/2012. A elección foi sinxela, por un lado queriamos que tivera relación directa co PDI "Outros pobos, outras culturas" e por outro...por outro, cando o leades xa vos daredes conta. Un libro precioso de Vicente Muñoz con debuxos de María Espluga.

Por certo, o mes de outubro é o mes das bibliotecas escolares, o luns cóntovos algunha que outra sorpresa.

Lémonos!

29 sept 2011

Mafalda está cumple!!

Velaí a tedes, feita unha nena con 47 anos...
É, sen dúbida, unha das personaxes máis inxeniosas que podemos atopar no mundo do cómic.O seu "pai", Quino, dotouna dunha intelixencia e unha audacia que a bo seguro nos fixo pensar en máis dunha ocasión.É autora de frases míticas como:
-"A medio mundo le gustan los perros, y hasta el día de hoy nadie sabe que quiere decir guau..."
- "-Bueno ahora guarden todos sus útiles menos lápiz, goma de borrar y una hoja en blanco en la que anotarán una prueba escrita. (Profesora)
-Perdon ¿y si apeláramos a la sensatez y dejáramos la cosa para otro día. Digo...para evitar un inútil derramamiento de ceros. " 
- "¿Y si en vez de planear tanto voláramos un poco más alto?"

En fin, se xa es fan dela, segue a disfrutala, en caso contrario, é un bo día para descubrila.

PARABÉNS, MAFALDA!!

Hoxe recomendamos "La mejor lección"

Boas!!
Como todos os xoves propoñémosvos alguna visita polo ciberespazo que vos poda resultar interesante. Esta semana desprazámosnos ata Andalucía, xa que alí lanzaron unha campaña para o fomento da lectura que está moi ben. Un bo número de caras coñecidas cóntanos como se iniciaron no mundo da lectura -pode lembrar un pouco ao Dontest, ou non?-, máis ben, quen os iniciou, dándolles desa forma, a mellor lección posible.

Son seis vídeos de pouca duración pero que merecen ben a pena.
 Podes velos entrando en:


http://www.lamejorleccion.com

Aquí tes un exemplo:

28 sept 2011

A profe era...Juncal!!

Como xa vos dixera en entradas anteriores comezamos os Dontest deste curso. A primeira en pasalo foi Juncal. Queres saber algo acerca dos seus costumes na lectura? Bótalle unha ollada ás súas respostas.
1. Lembras quen te ensinou a ler?
- A mestra, que era a miña tía Romi
2. Cal foi o primeiro libro que liches?
- A verdade é que non o lembro
3. Cal é o teu libro favorito?
- Teño máis de un, pero por exemplo: Los Pilares de la Tierra ou Ensayo sobre la ceguera
4. E o teu autor preferido?
- Gústame moito Saramago
5. Cal é o último libro que liches?
- ¿Quién se ha llevado mi queso?
6. Cantas horas les á semana?
- Depende da semana
7. Agora estás a ler...
- Millenium II
8. Para rematar, un lugar e un momento para ler.
- Na cama antes de durmir.

Recursos PDI: "Outros pobos, outras culturas"

Esta entrada estará en constante revisión porque iremos engadindo todos os enlaces que creamos que poden ser interesantes.

AFS INTERCULTURA: asociación que promove oportunidades de aprendizaxe intercultural

AULA INTERCULTURAL: portal que busca a creación dunha sociedade baseada na educación en favor do respecto e a convivencia entre as diferentes culturas

BIBLIOTECA DIXITAL DA OEI: listado de enlaces a diferentes páxinas, revistas e publicacións sobre educación multicultural

CASA ÁRABE E INSTITUTO INTERNACIONAL DE ESTUDOS ÁRABES E DO MUNDO MUSULMÁN:  Páxina que pretende difundir a cultura árabe.


CENTRO NACIONAL DE INFORMACIÓN E COMUNICACIÓN INFORMATIVA: páxina que informa aos pais e nais sobre como educar aos fillos/as en valores

CONECTANDO MUNDOS: páxina que fomenta a participación e intercambio entre alumnos e alumnas de diferentes realidades xeográficas, culturais, económicas e sociais.

EDUALTER: espazo para compartir recursos para unha educación transformadora que leve a un mundo máis xusto

27 sept 2011

Avanza a semana

Boas! Hoxe é un día raro porque o cole está medio baleiro. Moitos mestres e moitos alumnos non acudiron porque están de folga para mostrar o seu desacordo co novo horario lectivo dos profes e o que elo conleva.

Por outra parte hoxe elaboraremos a etiqueta adicada ao PDI: Outros pobos, outras culturas. A primeira entrada serán unha serie de enlaces con recursos para traballar a interculturalidade.

Para finalizar, mañá pasa o Dontest unha mestra nova que veu este ano ao cole, ten moitos alumnos e alumnas, ensina cousas moi diferentes, pero o que máis lle gusta é a Expresión Musical, ela é.....

26 sept 2011

Semana do "veraniño de San Miguel"

Moi boas dontiñ@s!
Parace que chega o verán...pero en outono!! Pois si, despois dun verán do máis regular en canto climatoloxía se refire entramos no outono cunhas temperaturas un tanto atípicas...ou non?
Aínda que pareza raro non o é tanto xa que por estas datas moitas veces sucede algo parecido. A resposta a isto atopámola na sabiduría popular; o "veraniño de San Miguel". Parece ser que a semana do 29 de setembro -San Miguel- adoita ter unhas temperaturas impropias do outono; desta forma bautizouse como "veraniño".
Anécdotas aparte imos ao que nos interesa; levamos ata o momento 301 empréstitos, unha cifra interesante para este comezo de curso.
Esta semana si teremos Dontest, en serio, a semana pasada non foi posible por falta de tempo, pero esta prometemos facer un oco para publicalo, mañá dou pistas.
Ademais comezaremos a traballar no PDI, temos recompilados uns cantos enlaces relacionados coa interculturalidade que colgaremos mañá -se pode ser- para que os titores/as podan comezar a traballar.
Tamén temos uns vídeos que fomentan a lectura, neste caso será o xoves o día indicado para a súa publicación.
E nada máis, a non ser que o novo colaborador do blogue -Esteban- se anime a debutar e se arranque con algunha publicación.
Lémonos!

23 sept 2011

E chegou o outono

Boas! Se somos escrupulosos, no momento desta publicación aínda non chegou, senon que será ás 11:05h. En definitiva, hoxe hai cambio de estación. A imaxe que vedes corresponde a un templo maya, reflexa o momento exacto que marca o equinoccio de outono. Da mesma forma tiñan controlado o equinoccio de primavera, así controlaban as épocas de sembra e recollida das súas colleitas.
A continuación imos ver unha visión do outono pertencente á nosa cultura, trátase dun precioso poema de Otero Pedrayo sobre esta estación:

Xa os derradeiros días de sol amañeceron
unhas mancholas cor de cobre nas ponlas
máis valentes dos vellos negrillos da estrada.
Os amieiros musicais afeitos a seguir a carreira das
augas tamén adquiren unha mística pureza de ouro
melancólico sobre o lucir da alba. As campás do val
rachan as xordas néboas. No serán locen feixes de
rosas murchas nas montañas do poente. O outono.
“¡Que triste está a aldea!” din os cidadáns
maxinando os camiños lamigosos, as casas afumadas,
os espellos da auga encorada nos sucos do
centeo, o trecolear dos zocos nas costas pedregullentas.
O vivir parece que detén o seu ritmo ó
compás do crecemento das noites e do medoñento
caer das follas e dos ourizos nos soutos seculares. Xa
non estoupan os foguetes da festa nin se ergue o
alalá das escascas coma nas doces noites setembrinas.
O cidadán pensa que a aldea morre
agardando coa paciencia dos penedos a que volte o
ledo rexurdir primaveral. Mais chegádevos a unha
verdadeira parroquia campesía, ollade prós terreos,
entrade nos curros e veredes que a vida lonxe de se
deter, corre máis axiña e loce máis luminosa igual
que a lapa petrucial da lareira.
O labrego ergueu a colleita. O millo está nos
cabaceiros, a pinga nas pipas, o feno ben gardado
das chuvias. Os eidos quedaron espidos. E por certo
que este ano os labregos non tiveron que se matar
na angueira. Xa o ferrado de centeo sube de trinta
reás, a horta esgotouse coas calores, o millo nin
palla rendeu nas herdades. A irmá Fame entrouse
polas portas da aldea. Soio medrou a contribución
neste ano de gracia.
A vosa sorpresa será grande cando vos deades
conta dunha cousa insospeitada: o labrego, a pesar
de tantas calamidades, non está demasiado queixoso.
¿Sabedes a razón? Pois é ben sinxela: porque xa
vive no ano que vén. Xa latexa na esperanza.
A esperanza endexamais morre na aldea galega.
Nin despois dos pedrazos, nin cando cos grandes
traballos se recolle un pouco de herba pró gando,
nin cando decreban as feiras e o diñeiro procura
outros camiños que os da aldea. Agora as chuvias
caroais ameazan con afogar a semente do centeo fai
pouco depositada amorosiñamente nos sucos
tenros. Non importa. Ó correr do ano unha
esperanza inmorredoira corre nas conversas das
bodegas e das lareiras, nas escascas e nas rozas, e
loce no ollar dos paisanos cando nos seráns das
festas se demoran paseando quediñamente polos
eidos amados.
Na terra verdecente do adro dormen os ósos dos
que tamén traballaron, sufriron e agardaron. Un
misterioso sentimento de comunidade xunta os
vivos cos difuntiños. Das lousas gastadas do
cemiterio sae un consello grave e amigo. Tamén eles
pasaron por moitas calamidades mais se voltaran ó
mundo, outrora collerían a aixada e marcharían
ledos cara ó torrón labrego.
Apenas morta unha esperanza xurde outra
esperanza nova na primeira alborada. Os que veñen
da América renegan do traballo do agro e teñen
lástima irónica dos pais —os vilegos como eles din—
ó velos apegados ó rabo da aixada. Non pensan que
latexa na aldea unha forza que non se pode
conquerir nas grandes vilas, afumadas e resplandecentes,
do estranxeiro.

22 sept 2011

Estamos de cumple!!

Moi boas de novo!! Case de casualidade nos acabamos de enterar que hoxe cumplimos 2 anos!!
Facendo unha revisión no blogue observamos que tal día coma hoxe de 2009 empezamos a nosa andadura...
E botando a vista atrás podemos ver un montón de anécdotas nos Dontest, un montón de recomendacións, milleiros de historias, estatísticas, vídeos e recentemente, ata un pouco de polémica...En definitiva, un montón de traballo feito coa maior das ilusións.
Todos os que formamos O Blog de Donte esperamos que estes dous serviran de algo e que foran do voso agrado.
Unha aperta!

Recomendación para os pais e nais

Boas!
Como cada xoves recomendamos unha visita a unha páxina web. Esta semana os destinatarios son os pais e nais; trátase dun artigo nun blog que recalca a importancia das bibliotecas familiares. É unha interesante reflexión sobre a relación entre resultados académicos e ambiente cultural na casa.


Se vos parece interesante, podedes velo premendo aquí.

19 sept 2011

Semana 2

Boas dontiñ@s!!
Como cada luns debería poñer os datos da pasada semana, pero....tivemos un problema. O profe Quico faltounos un par de días e non temos aínda os datos, así que imos ter que esperar a que volva. O servizo de préstamos seguiu funcionando pero nos demos conta -bueno, xa o sabiamos- do importante que é a figura do noso dinamizador.
Cambiamos de tema, esta semana empezamos cos Dontest. Quen será o primeiro/a?
Mañá daremos algunha pista.
Lémonos!

16 sept 2011

Homenaxe a Mª Dolores Martínez


Hai uns días faleceu Mª Dolores Martínez Tobío, responsable da biblioteca do IES Luis Seoane de Pontevedra.
Hai pouco fixo que moita xente se puxera a Salvar Libros por toda Galicia.
As Bibliotecas Escolares galegas queren rendirlle unha pequena homenaxe a esta incansable traballadora pola difusión da lectura.

Premendo na imaxe accederás á páxina que lle rinde cumprida homenaxe.

15 sept 2011

Un banco de textos moi interesante

Boas! É xoves e comezamos coas recomendacións semanais, hai uns días chegounos un e-mail no que nos aconsellaban unha páxina cunha cantidade enorme de recursos. Trátase dun banco de textos no que podemos atopar unha cantidade tremenda de lecturas de todo tipo.
Gustounos tanto que fixemos un enlace permanente a esta páxina. Se queredes visitala aparece na columna da dereita, no apartado "Enlaces", está situado ao fondo co nome "Banco de textos".
Veredes como resulta moi atractivo, tanto para os nenos como para os pais e nais, e, como non, para os mestres.

13 sept 2011

Novas

Como vai ese comezo de curso?
Como estades a preguntar seguido no recreo polo blogue vouvos informar do que se coce pola biblio:
- Temos moito profesorado novo, polo tanto estamos obrigados a coñecelos co noso Dontest
- As Donticias non serán tan frecuentes, pero sairán frescas para informarnos do máis relevante.
- En breve mandaremos un tríptico informativo da Biblioteca.
- Esta semana xa comezaremos coas recomendacións, tanto de webs como de libros.
- E a última, si, este ano tamén temos PDI, que nesta ocasión titúlase: OUTROS POBOS, OUTRAS CULTURAS.
Que, non te queixarás de novas, non?

12 sept 2011

Benvidos! Comezou a actividade!

Benvid@s! Comezou un novo curso e como non, comezamos os empréstitos na biblioteca.
Notouse que tiñades ganas de ler porque o recreo foi un bule-bule de xente collendo libros.
Deixámosvos algunha imaxe desta primeira xornada:
 
Primeiro libro deste curso                       A actividade foi constante

7 sept 2011

Tixeretazo horario, facer máis con menos

Boas dontiñ@s!!

Comezamos un novo curso escolar coa mesma ilusión de todos os anos. Xa estamos contando os minutos que faltan para poder vervos corretear outra vez polo cole.
Dende o equipo de Biblioteca temos o firme propósito de manter a calidade dos nosos servizos para que os usuarios sigades disfrutando deles.
O que sucede é que este curso temos un problema engadido: a supresión das horas de traballo para a dinamización da Biblioteca Escolar. Se ben os mestres seguiremos traballando as mesmas horas semanais (37,5), atopámonos con que o que o curso pasado se consideraba "traballo" (búsqueda de materiais, elaboración do blogue, preparación de exposicións e demais actividades) este ano non se considera como tal, así que vemos aumentadas as horas "de aula", que si son consideradas "traballo".
Como ben dixemos antes, faremos o posible para que os vosos servizos non se vexan afectados, tendo que facer máis cousas con menos tempo. Cremos que vós, alumnas e alumnos, nais e pais, e outros seguidores/as do blogue, ben merecedes un esforzo. Agora ben, se nalgún momento notades algún retraso na publicación das nosas seccións (Dontest, recomendacións, estatísticas, donticias, vídeos...)será motivado pola imposibilidade de atender a todas as cuestións ás que temos que facer fronte.
Lémonos!

1 sept 2011

Estamos de volta!!

Moi boas de novo!!
Rematamos as vacacións e xa voltamos á actividade no blogue. Nos próximos días empezaremos coas nosas seccións habituais e con novas historias que contarvos.
Lémonos!!