6 feb 2013

AGUSTÍN FERNÁNDEZ PAZ

Para saber máis
Agustín Fernández Paz foi nomeado doctor honoris causa pola Universidade de  Vigo.
O autor de múltiples libros para a infancia e a mocidade, o dinamizador de  movementos de renovación pedagóxica e defensor da lingua, ve así recoñecida  a súa achega á cultura e ao saber deste país.
Conta con numerosos premios entre os que destacan o Nacional de Literatura  Infantil por "O único que queda é o amor", o Lazarillo por "Contos por  palabras",o Edebé infantil con "A escola dos piratas" e o xuvenil por "Trece  anos de Branca", o Merlín por "As flores radiactivas", o premio Rañolas por  "Cartas de inverno" ...
Os seus libros están traducidos a múltiples idiomas.
A súa voz chega cada  vez a máis lugares.

Dende a biblioteca queremosvos recomendar algún dos seus libros. Podedes pedir emprestados:



Frente á casa de Raquel inaugurouse un gran supermercado, do que non para de entrar e sair unha marea constante de persoas. Ninguén se percata do home que pide na porta, como se fose invisible. Pero Raquel comeza a falar con él.







Desterrar algúns medos infantís adoita ser complicado, sobre todo se non teñen outra causa que a imaxinación inesgotable dunha nena. Mariña, a protagonista desta historia, está convencida de que o longo e escuro corredor da súa casa se encontra invadido por unhas estrañas sombras que durante o día viven no interior das paredes, mais que saen delas en
canto chega a noite. Ninguén na súa familia a cre, polo que Mariña terá que esforzarse en conseguir probas que lle dean a razón.Con este relato, centrado nun problema do ámbito cotián, o autor trata de conxurar un dos medos máis frecuentes na nenez: o temor á escuridade, sempre poboada de ameazadores perigos. A historia desenvólvese a través dun texto sinxelo e ben resolto, sempre baixo un enfoque no que predomina o humor.

Cando Marta fai once anos, a súa familia abandona a vila onde residían e trasládase a vivir na cidade. Alugan unha casa antiga e espazosa, situada a carón dun enorme parque; unha casa sobre a que circulan rumores inquietantes.
Unha vez instalados na nova vivenda, comezan a se producir misteriosos sucesos, que afectan sobre todo á vida de Marta. A nena acabará descubrindo que no edificio habita un ser invisible, co que se pode comunicar a través do ordenador. Un fantasma con raros poderes, condenado a permanecer na mansión ata que esta sexa destruída.
Malos tempos para os fantasmas é unha novela de misterio que, axudándose do humor, nos achega ás dificultades que supón enfrontarse a múltiples cambios (de cidade, de colexio, de compañeiros, de afectos…) nos anos en que se abandona a infancia e comeza a adolescencia.




Dona Rosa vendeu as súas propiedades a uns señores, que queren destruír a carballeira para construír edificios. Iso si, se o consenten, os seres fantásticos que habitan no bosque desaparecerán. Ti tamén podes ser un bo gardián da natureza, se coidas dela.


Unha novela centrada na amizade que manteñen Diana, unha nena de oito anos, e Goewin, unha pequena fada verde, a única da súa especie que sobrevive a un terrible incendio que arrasou o bosque onde vivía coas súas irmás, encargadas de protexer o lugar. A nena axúdalle á fada a recuperarse, para que poida seguir co seu traballo de preservación da natureza, aínda que iso signifique que ao final teñan que separarse.
A narración conta con importantes elementos simbólicos. O fada identifícase coa natureza cuxa conservación está ameazada por escuros intereses, ademais de representar a necesaria pervivencia do mundo da fantasía e a imaxinación. Diana encarna unha esperanzada proposta de futuro: un mañá mellor para todos.




O doutor Nogueira é un extravagante inventor que traballa arreo no seu laboratorio para conseguir que a infelicidade desapareza do planeta. Ao ser perseguido e ridiculizado polos seus compañeiros de profesión, debe traballar na clandestinidade coa única axuda da súa axudante, Rosa Novoa, que decide deixar testemuño das investigacións do doutor para que as coñezan as xeracións futuras.
Novela que aborda un tema fantástico formulado en clave de humor, cunha ácida parodia dos códigos que rexen o mundo actual.



Raquel ten nove anos e vive na cidade. Un día vai coa súa clase de excursión ao bosque das Fragas do Eume. De regreso na casa, descobre abraiada que se lle coou na mochila un ser vello e diminuto. É Derdrín, un trasno de máis de trescentos anos, que habitaba na fraga e non quería pasar o inverno só. Dille á nena que unicamente precisa conversación e algo de comida. Raquel acepta que se converta no seu hóspede secreto e ofrécelle para durmir a caravana das barbies.
A novela é a crónica dos meses que pasan xuntos, durante os cales Derdrín exercerá unha influencia moi grande na vida da nena, tanto no ámbito familiar como na escola. Unha historia tenra e cargada de humor, que reivindica a necesidade da fantasía e, tamén, a importante función que cumpren os antigos mitos en calquera sociedade.
Segue a falar e a escribir, Agustín!

TEMOS CARTA DE FINA CASALDERREY!!!

Fina, acaba de enviarnos este correo para tod@s.
"En momentos coma este é cando máis sinto ser tan... tan ?analóxica? e tan pouco ?dixital?, para ser quen de lles facer chegar o meu agradecemento a toda esa xente das bibliotecas escolares. Son as felicitacións que mellor me saben, as que me chegan directamente á pel da alma para me emocionar sen disimulos... Ben sei que non merezo eses aloumiños, pero esa chamada de atención festiva para ?espallar a nova? fai me sentir forzas para non defraudarvos, para tentar a seguir sendo útil dende onde me toque estar. Son, non podo esquecelo mestra de escola, unha mestra que escribe ( coma outras moitas e moitos) que grazas a moreas de bibliotecarios e bibliotecarias, de mestras e mestres, de libreiros, libreiras... que poñen os meus libros nas mans dos escolares, me chaman ?escritora?, algo co que nin soñei de nena...
Estou un chisquiño cansa estes días... pero tan reconfortada e agradecida!
Só podo enviarvos apertas infinitas
Fina"

5 feb 2013

TROULEANDO NO ENTROIDO

Chega o entroido, a bruxa Catuxa invítanos a revestirnos, xa sentimos o cheiro ás orellas e filloas!!!
Se ademáis queres aproveitar estas datas para aprender algo novo, recurre ós seguintes enlaces!!
Espéranche moitos xogos e diversión!!!

Actividades LIM
O recanto de MIK
O entroido tradicional galego
Máis recursos do recanto de Mik

A LECTURA NA AVALIACIÓN DIAGNÓSTICA

En datas recentes, a Consellería de Cultura, Educación e Ordenación  Universitaria fixo públicos os resultados da Avaliación Diagnóstica  correspondente ao curso 2011/2012 *Ó final da páxina do enlace podemos acceder a unha presentación, a diapositiva nº 15 reflexa a influencia da lectura nos resultados académicos* (probas realizadas a alumnado que cursaba  ese ano 4º de primaria e 2º de ESO). Aínda que non é nada novo para os  mediadores e as mediadoras de lectura, confirma que aquel alumnado que  dedica máis tempo diario a lectura é o que obtén mellores resultados na  área de competencia lingüística, sendo estas diferenzas moi acusadas no  alumnado de 2º de ESO.

Este dato avala as prácticas dos centros educativos que inclúen no seu  Proxecto Lector de Centro a "hora de ler", como un tempo diario, mínimo,  dedicado á lectura. E as avala, porque aínda que esta cuestión sexa  obrigatoria en ensino primario (30 minutos diarios dedicado á lectura),  dependendo de como se leve a cabo pode ser mesmo contraproducente.

Pero os centros que introducen a fórmula da "lectura silenciosa sostida" ou  outras fórmulas de lectura individual dun libro que se queira ler, sen ter  que responder a cuestionarios nin realizar actividades escritas (aínda que  se poidan comentar e mesmo avaliar perfectamente o alcance destas  lecturas), é dicir, cando introducen a lectura por pracer en horario  lectivo, están dando unha oportunidade aos nenos e nenas, aos mozos e  mozas, para poder dedicarlle un tempo a ese tipo de lectura, que non teñen  doado no resto do día (demasiado ruído, horarios e rutinas pouco favorables  á lectura nos ámbitos familiares de moitos deles). Así pois, organizar  unha "hora de ler" nos centros educativos é traballar pola competencia  lingüística do alumnado. Sempre o foi, pero cada día que pasa existen máis  argumentos a favor deste tipo de iniciativas.


Publicado por Asesoría Bibliotecas Escolares para Hora de ler el 1/28/2013  10:10:00 am




AS BIBLIOTECAS ESCOLARES

Dende a nosa biblioteca, ó igual que dende as bibliotecas de tódolos centros, pretendemos levar a cabo unha tarefa de máxima importancia na sociedade actual. Nesta "sociedade da información" na que estamos mergullados resulta imprescindible preparar ás novas xeracións para que acaden as competencias necesaria para "pescudar" información, analizala criticamente e transformala no seu propio coñecemento. Os recursos para levar a cabo esta tarefa están xa á nosa disposición (a documentación escrita e na Rede da que pode dispoñer toda a comunidade educativa se acude á biblioteca).
Así pois, a noticia que podedes consultar neste enlace, pon de manifesto que as bibliotecas escolares non son só un lugar de animación á lectura (obxectivo tamén de gran valia para o proceso de ensino-aprendizaxe dos rapaces) senon tamén un lugar onde construir os nosos propios coñecementos partindo da gran variedade de información que a sociedade actual nos oferta.
ANIMÁDEVOS A VISITARNOS!!!

4 feb 2013

PAZ 2013

Vimos de celebrar o día da paz!!!
Desfrutade dese día tan fermoso como o fixemos todos nós!!!